Puerto Viejo (II)
14.08.07 @ 15:50:19. Archivado en textos creativos
Ao saírmos do parque nacional cruzamos a estrada e agardamos o autobús. É estraña a sensación de non aprezar case tráfico, de pasar os minutos e non ver nin un só coche. A calor da unha da tarde derrétenos. Enriba das nosas cabezas un zopilote voa facendo circos. Malia ser a estrada principal que une Limón con Puerto Viejo hai un bo treito sen asfalto polo que viaxar sobre ela convértese nunha polvoeira que medra dentro dunha nube en suspensión.
O autobús vai atestado, a maior parte de persoas son de raza negra e outras teñen trazos indíxenas. As mulleres que van ao meu carón calzan sandalias ou uns sinxelos zapatos cheos de po. Son extremadamente educados cando se dirixen aos demais. Hai un silencio fondo dentro do autobús e ollos ensimesmados que te observan para regresar ao instante ao seu mundo. O autobús circula coa porta dianteira de entrada de pasaxeiros aberta para amortecer a calor. Algunhas mulleres levan amplos paraugas que empregarán nun eventual chuvasco ou contra os raios do sol.
Ao redor das seis do serán o día transfórmase en noite. Era martes e por primeira vez tivemos a sensación de vila pantasma, como se un tupido veo de selva cubrise as rúas con invisibilidade e a xente deixase de existir. Dirixímonos a un ciber que si estaba atestado pero dende onde, despois de insistir durante máis de media hora, non puidemos nin abrir unha triste páxina web nin moito menos enviar unha mensaxe, consumindo a paciencia e constatando as malas conexións nese lugar da provincia de Limón. No restaurante sentamos nunha mesa a carón de cinco franceses, o día anterior, no mesmo sitio, os conveciños eran iankis adolescentes acompañados polos seus monitores. Temos a sensación de que os prezos están adaptados ao dólar e ao turista e non á realidade do país, aínda que despois, cando pregunto aos nativos, manteñen que non, que os prezos son iguais para todos. Trala cea a sensación de vila pantasma desaparece por completo. Regresarmos ao hotel pero a escuridade, como na selva, esperta aos animais nocturnos que habitan mundos máis perigosos. No mesmo punto onde a noite anterior observara a escena do home armado ao pé do coche de faros acesos, mozos con pipas e chinas na man, un vello e un rapaz novo facían intercambios. O luscofusco devorábaos na súa marxinalidade confundíndose as negruras con sombras. Outro tipo con pistola pola zona. Moitas persoas de cor que nos miraban e un trasfego de xente que cruzaba a rúa e que se perdían na boca da finca que estaba perto do noso hotel. O supermercado ateigado, entraban, saían, ollábante e tamén te esquecían con velocidade. Nós regresamos ao cubil, percorremos de novo a humildade da contorna, algunhas vivendas semellan chozas, unha casa de madeira, moi escanastrada, tiña a porta aberta e a luz acesa, con incredulidade puidemos contemplar un espectáculo totalmente inesperado: un santuario, tal era a saturación de flores por todos lados que sobrepasaba as expectativas de achar un altar en calquera igrexa engalanada para un dos seus mellores días de festa. Nin un só centímetro sen a policromía vexetal que culminaba na figura dunha icona. Ao longo do país conviven moitas igrexas de diversas tendencias. Enfronte á parada de autobús de Puerto Viejo hai unha baptista. A xente mantén as súas crenzas en Deus amoldando ese sentir ao que son, senten e pensan. Nas canles de televisión, aos que temos acceso dende os distintos cuartos de hotel, observamos a forza das mensaxes relixiosas. Telenovelas e comunicados divinos únense na realidade virtual que entra nas casas a través do televisor, ao igual que os partidos de fútbol e sobre todo o béisbol, xa que moitos lugareños seguen a liga norteamericana. E velaí está, o Gran Imperio coas súas mensaxes e o seu modo de vida, facendo sombra ao Sur da súa fronteira, impregnándoo todo, absolutamente todo de espírito ianki.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


