Cahuita
26.07.07 @ 16:22:35. Archivado en textos creativos, a autora

Bolboretas azuis, cangrexos de diversas cores, esquíos, lagartos, colibrís, mapaches, zopilotes; son parte da fauna que puidemos observar mentres percorriamos o vieiro ben trazado do parque de Cahuita, pero a maior aventura estaba no mar. Unha lancha aproximouse á terra e negociamos a viaxe cara ao arrecife de coral para facer snorking. Impresionaba ver todo ateigado de peixes
inverosímiles en formas e cores: azuis, amarelos, prateados, negros. Ás veces algún se aproximaba con curiosidade e ficaba cos seus ollos pegados a túa imaxe, intentando, quizais, recoñecer qué clase de becho eras. O coral semellaba unha pequena gran cidade habitado por peixes onde se trazaban debuxos labirínticos. A vida do coral, en Cahuita, está en perigo por mor da saturación de turistas. Avisáronos de que tivesemos coidado de non rozalo, non só pola posible lesión senón tamén porque eran tantas e tantas as persoas que alí ían facer snorking que se prevía que en tres ou catro anos de non mudar a situación, a galiña dos ovos de ouro estaría morta. Como fomos madrugadores non nos percatamos desa realidade, de feito éramos os primeiros turistas do día que se achegaban ao farallón, pero cando desembarcamos en punta Cahuita a rolda de visitantes comezou a agromar e os botes iniciaban a eterna singradura cara ao lugar prometido: o coral e os bancos de peixes de cores. Aproveitamos para facer un pouco o hipopótamo na beira do mar, suxeitos ás pedras do chan por mor das fortes correntes que abrazaban a zona. Unha sucesión de augas quentes e tépedas percorrían alternativamente o corpo intentando arrastrarte e afastarte da orela. Pero toda a maxia que xurdira no mencer, dun mundo liberado da presenza humana, ía engolíndose na mañá, así que collimos a mochila e con tranquilidade regresamos cara a Puerto Viejo.
Comentarios:
Visite mi blog, espero sus lecturas y comentarios: http://blogs.periodistadigital.com/labanderadeadiosayer.php
Un cordial saludo
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


