reflexións en puerto viejo
22.07.07 @ 00:03:29. Archivado en textos creativos
Cando un leva enriba pel de turista cantas máis vivenzas mellor, querer velo todo, que todos os sentidos sexan un potente doseficador de imaxes só para levar no peto unha chea de impresións. Nese intre a cámara fotográfica é imprescindible, no regreso as instantáneas serán o complemento da memoria, é máis, é a memoria activa,
cando levamos a máquina, posicionámonos na outra banda da realidade, no punto que reflicte ao outro, a diferencia, nós estamos xusto detrás, nese lugar que nada ten que ver coa cotidianiedade das persoas que habitan de xeito normal o territorio, converténdonos en axente activo de captación de imaxes, de sons, de intres fuxidíos, achegándonos a todo con curiosidade, ata o voo máis insignificante produce o efecto de desexo de captar para a lembranza, camiñamos ávidos de experiencias coas que completar o ciclo típico do ano, para logo chegar, relatar os mundos e constatalo coas fotos; senón hai retrato é como se a realidade estivese diluída. Pero ás veces esquecemos que da outra banda están os fotografados, seres e
obxectos que a máquina captura case como por accidente como animais, ríos, bosques, persoas, pedras, anacos de supervivencia que xa nin sequera, na nova dimensión de formar parte dunha copia, terán un soporte físico, senón que se incorporarán a un arquivo dentro dun ordenador. Ao chegarmos a un novo lugar hai que decidir qué facer, como aproveitar o tempo, así que se cando se merca o paquete vacacional non se contratan todos os servizos (cousa bastante frecuente en algún tipo de turista que se atopa con que sabe que ten actividades pero descoñece cales e cando se van desenvolver) tras instalarse no hotel hai que comezar a buscar os puntos de interese. En Puerto Viejo hai unha chea de locais que ofrecen ao consumidor excursións, alugueres, dirixidos a satisfacer as necesidades de descuberta. Nós decidimos mergullarnos no espacio silvestre de Gandoca-Manzanillo, acompañados de Roberto quen co seu machete ía abrindo camiño entre a vexetación descubríndonos plantas tropicais e animais salvaxes. Outra opción que fixemos pola nosa conta foi ir ao parque nacional de Cahuita para facer snorking. Tamén nos ofreceron unha visita a unha reserva indíxena. O cartel amosaba a foto de dúas turistas sorrintes a carón dos bribris. Algo dentro fixo que dixese non. A estampa de perturbar o espazo reservado a esas persoas, ousar co meu interese a entrar nun mundo ancorado no tempo, pareceume un atrevemento, como se con cartos o puidesemos pagar todo, a entrada ao pasado, a unha reserva autóctona, e a xente alí, pousando para unha foto que logo formará parte dalgún álbum privado, ¿qué lles ía aportar eu, cargada como ía cunha máquina de retratar? Andaría por aquí e por acolá facendo clik, clik, clik, sería un clik cargado de falta de intimidade para tan só mergullar as imaxes na cerna metálica como unha reliquia, logo regresaría á miña realidade, amosaría as fotos, alguén sorrinte a carón dun indíxena. Si, son eu, eu estiven alí, eu traio o exótico para casa, mirade que feliz estou, e que un non está todos os días de visita nunha reserva. E como tal actividade me pareceu en exceso perturbadora, deille as costas á máquina de retratar e respirei sentindo que a dignidade da vida estaba por riba de calquera clase de imaxe e interese, a fin de contas, eu nin tan sequera ía facer un documental.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


