Roberto
10.07.07 @ 00:21:55. Archivado en textos creativos
Roberto, o guía que nos acompañou a Manzanillo, comentaba que o mundo estaba perdido, a xuventude rota, sen azos nin esperanzas de ningunha clase de futuro, que el tamén algunha vez tomara marihuana, pero que iso era algo puntual, non como agora que o enganche é definitivo, nun mundo sen traballo nin expectativas,
que el non podía criticar a quen vendía coca por mor da pobreza, que de algo ten que vivir a xente, pero que non, que de ir polo camiño polo que se ía, todo estaba perdido. Roberto ten nostalxia nos ollos, cos seus sesenta e un anos fala do mundo que lle foi escoando das mans, da súa infancia en Panamá, das tres horas diarias de escola onde lle daban as clases en inglés, para logo regresar a casa e traballar moi duro no campo, nas plantacións de iuca, cacao ou banano. Comían peixe, como a barracuda ou sardiña que collían perto da orela. O modo tradicional de pesca volveuse inútil ao comezaren a esquilmar o mar empregando bombas. Outra fonte de alimentación básica ata a súa prohibición foi a carne de tartaruga. E polo Nadal, na súa casa, había unha festa grande, matábase un porco que compartían co vecindario. A mágoa agrómalle nos ollos, o mundo mudou e co mundo a actitude e o modo de comportamento do ser humano, sabe que os seus dez fillos non comprenden os traballos colectivos nin a celebración conxunta dos veciños nos días de festa, cada quen anda ao seu, pero vostedes non se preocupen, aínda son novos, poden intentar que as cousas cambien, teñan fillos, edúquenos para un mundo mellor, os fillos son o máis importante, iso era o que sentenciaba con voz sabia e madura. A muller de Roberto é tica pero como non están casados, el debe ir cada tres meses a Panamá a selar o visado. Láiase do cara que está a vida. Quédalle un ano para xubilarse. Agora o traballo en Costa Rica está complicado entroutros motivos porque chegan moitos nicaraguenses e fan traballos máis baratos o que provoca unha baixada xeral de prezos da man de obra. Pero o que menos lle gusta son esas turbias expectativas da xuventude, perdida nos recunchos da morte, tirando a vida ao lixo. Nós acompañamos a Roberto na súa viaxe polos seus mundos e el guíanos na frondosidade da selva cara a un mundo diferente, non adoita frecuentar a igrexa pero di que si, que sempre prega, prega por cada un e por todos nós, para que Deus nos protexa. Sentados no medio do monte, compartindo un mango, brota o mundo das achegas persoais e da irmandade onde xuntamos as mans para descubrir con mágoa que as lacras sociais se repiten tanto en América como en Europa, aínda que cambien os ritmos de vida, os costumes, a forma de desenvolverse en sociedade. A persoa sempre exposta aos perigos da selva máis destructora, á propia debilidade humana non só nas mans de catro desaprensivos senón tamén na autodestrucción.
Comentarios:
gracias por creer en nosotros.
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


