puerto viejo
23.06.07 @ 09:05:35. Archivado en textos creativos
Pequena vila de mariñeiros. Os lugareños comentan que en pouco tempo mudou moito o seu aspecto. Hai oito anos, as pontes que atravesaban ríos e regatos eran de madeira sendo na actualidade de cemento. Pero para min, que viaxo por primeira vez, aprezo o encanto do entorno, a policromía de xente, a exuberancia da natureza e tamén a sensación de destartalamento xeral que convive xunto cos recentes negocios: bares,
restaurantes, dependencias de servizos para facer o máis confortable posible a visita do turista, ofrecendo excursións, alugando quáters, motos, bicicletas... Asómbrome con imaxes: un rapaz coas cores da bandeira de Jamaica dorme nas pólas dunha árbore, penso que quizais o exótico da imaxe sexa para impactarnos e deixarse tomar fotos. A miña cabeza non logra procesar o verdadeiro motivo da situación ata pasar un bo pedazo de tempo. Moitos ambulantes vendendo artesanía e entre os produtos típicos non é raro que ofrezan marihuana. É habitual ir pola rúa, cruzarse con alguén e que che pregunte se queres comprar. Eu alucino. Entón abro os ollos con outra mirada e observo os movementos que se producen ao meu arredor. Por unha banda a fascinación polo exótico, o traballo cotián dos seus habitantes e logo esa outra porción da poboación que entra con furor sobre todo nas cepas máis novas da xuventude. O hotel está situado á entrada da vila, para chegarmos camiñamos a carón de pequenos campos e casas paupérrimas onde o esquecemento fai niño e quizais por iso, nunha leira protexida pola noite e polos murmurios da natureza, os mozos, e non tan mozos, acudan a perderse. Escena: Escuridade. Lugar: entrada á vila, nunha beira o supermercado e enfronte o Banco Central Costarricense. Ao lado da tenda un vehículo cos focos e motor aceso. No seu interior dúas persoas. En pé, ao seu carón, un home con pistola no cinto. Enfronte, catro ou cinco mozos, observo a unha rapaza especialmente inqueda, anda dun lado para outro, algo leva nas mans, algo así como un chisqueiro e outras cousas. Nós camiñamos. A noite protexe as intencións. O coche aínda está. Os rapaces diríxense a esa leira. Pérdense. Xa non existen. Eu dentro dunha película. Pero é a realidade. Apuramos os pés. ¿Que facer? A globalización tomándonos un pulso. Nós tamén temos mozos inexpertos que se enganchan á ruína. A droga está en todas partes e moitas veces non sabemos cómo actuar ante ela, cómo protexer aos nosos fillos da morte certa sen ningún tipo de liberdade.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


