tortuguero (II)
18.05.07 @ 14:21:22. Archivado en textos creativos
A poucos metros do embarcadoiro un anuncio indicaba que nun local perto podíamos conectarnos á rede a través de internet, cousa que me resultou sorprendente, un ordenador en calquera recuncho do planeta era posible, incluso a carón da selva, aínda que como puiden comprobar despois, un aparello case que inútil levado da man da desidia, da lentitude, contaxiado dese espírito de levedade que imprimía todas as cousas co seu matiz de intemporalidade, da sensación de que alí, o paso do tempo, só é un pequeno accidente da vida. Mais eu devecía e devecía por escribirme coa miña familia e entrar nunha páxina web na procura de información. Iamos en grupo, deténdonos en recunchos significativos da historia de Tortuguero, así que abandonei os meus desexos para concentrarme no meu arredor, pospoñendo á visita ao ciber para a última hora da tardiña, foi daquela cando puiden apreciar os oxidados restos de enormes máquinas de aserradeiro a carón do peirao e aos poucos metros, unha humildísima e avellada construcción de madeira, pintada de azul e verde nalgún lustro remoto do pasado século que se empregaba como dispensario, onde un par de veces na semana atendían cuestións de saúde. Este feito foi relatado como un gran adianto para a
poboación de Tortuguero que tiña a sorte de contar coa devandita prestación da que outros lugares carecían. ¡Un par de veces na semana!, cousa impensable na nosa realidade na que a seguridade social, a pesar das deficiencias nas demoras na atención ao usuario, abre as súas portas, xa sexa no ambulatorio ou urxencias, as vintecatro horas do día durante todo o ano. Pero o problema máis serio do lugar achámolo a moi poucos metros do dispensario, un recinto valado onde se depositaba o lixo, como na vila todo está concentrado, tamén moi perto das vivendas. Esta cuestión deu e dá dores de cabeza constantes, todo canto atinxe a Tortuguero leva o matiz de lonxe, de distancia, de afastamento. O consumo deixou de ser o tradicional e a sociedade primitiva deu paso a unha nova xeración de consumidores que mercan os produtos envasados do mercado, elementos que en parte se empregan e en parte se engaden á montaña de lixo como material non orgánico e inútil. As cabezas pensan pero non se sabe qué facer. Cada día medran e medran os escombros. De momento féchano nun recinto, convivindo coa vila pero condenado a unha cadea perpetua detrás do valado, posiblemente de vez en cando, trasladarano en lancha cara a outro exilio dentro do país, respirarán algo aliviados pola disposición do espazo, pero en breve se volverá a acugular todo cos desperdicios.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


