tortuguero (I)
17.05.07 @ 11:06:47. Archivado en textos creativos
Ao chegarmos ao hotel distribuíronos segundo o idioma, castelán ou inglés, para darnos a chave do cuarto, indicarnos os horarios das comidas, ubicación de restaurante e servizos varios. De camiño á cabina o xardineiro facíanos acenos con satisfación para amosarnos, enroscada na punta nun pau, unha grosa serpe. Ata que pasou un anaco a miña cabeza se negou a distinguir qué portaba o bo home, inventándome a falacia de que se trataba dun legón.

Os xardíns do hotel eran amplísimos e con moitas variedades de plantas onde habitaban animais exóticos, sobre todo aves e insectos. O cuarto era de madeira, nas ventás as contras fechábanse sobre os mosquiteiros que substituían aos cristais, para evitar, na medida do posible, picaduras. Tamén era unha caixa musical, sobre todo no mencer que comezaba ao redor das cinco da mañá, cando todos os animais diurnos espertaban formando incribles e sobrecolledoras sinfonías, onde destacaba o son xordo da chicharra e sobre todo, os berros ancestrais e de ultratumba do mono aullador, que se inventaba así mesmo a través da acústica, como unha criatura bestial e deforme cando en realidade tan só era un inocente e fermoso moniño. Pola tarde estaba prevista unha pequena incursión na vila de Tortuguero.

Malia que estaba a dez minutos camiñando, fomos en bote. A primeira vista todo parecía exótico, natural, perfecto e tamén inacabado. O primeiro desexo que sentín non foi situarme no lugar nin observar á xente, ver cómo vivía e de qué, senón que tiven a necesidade de engancharme ao resto do mundo.
Comentarios:
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


