cara a tortuguero (IV)
06.05.07 @ 10:37:44. Archivado en textos creativos

Chegamos ao embarcadoiro de Cariari para coller a lancha que nos transportaría por río cara a Tortuguero. Percorremos os exuberantes canais ateigados de flora e fauna irrepetible. Divisamos o Caribe. Unha emoción pirata abrazoume xurdindo da nada unha présa de historias: barcos de bandeira acalaverada, a fereza do home nun mar quente e traizoeiro, porque o Caribe é auga tórrida da que nunca te podes fiar, sempre en alerta ante o posible enxergamento dalgunha bandeira sospeitosa ou polo xogo perverso das correntes que engolen a quen as desafíe. Sigo asombrada polo tipo de construccións que xorden nas orelas do río, a humildade da madeira unida ao diferente ritmo do tempo no que aquí vive a xente conforman unha paisaxe única, unha paisaxe que traslada aos comezos dun mundo alleo onde, se algún día fun parte do elo, perdín o rigor da memoria.

Ás veces atopamos con algún lugareño que boga na canoa. A xente saúda sempre. Detense, olla, sorrí e coa man fai acenos. Nós tamén facemos o mesmo. É como se o sol tropical mudase todos os nosos hábitos urbanos de indiferencia, de non toques a miña individualidade, mentres o ritmo do lugar nos transforma en alegres turistas que saúdan a todo homínido canto atopan polo camiño. Alí é de boa educación, antes de iniciar conversa, preguntar qué tal está o contertulio e a súa familia, como lle van as cousas ou se se descansou ben, e alegrarse moito polas respostas positivas, detalles que no noso mundo non teñen tal trascendencia formal ou incluso, ás veces, poden semellar verborrea, é dicir, simplemente aquí as cousas van ao ritmo da cidade, do cemento, da tecnoloxía. Os costumes, o interese polo igual, en numerosos casos adoitan pasar a un segundo plano por mor do animal urbano que levamos sobre a pel, da forza dos reloxos e dos hábitos construídos en beneficio dunha competitiva civilización. Xa se sabe, o formigón sempre foi moi pesado. Vemos un caimán que arrastra a barriga na lama da orela, case camuflado coas augas turbias da mañá. Incontables aves de cores rechamantes viven e medran ó redor do manglar.

A luz fere os ollos pero non logra mancar o corazón que rebosa ledicia, é unha ledicia estraña que nos fai partícipes da maxia da natureza ao tempo que nos obriga a sentir un abraiante respeto e idolatría pola vida e por ese gran deus que se chama natureza, e que tan só en contadas ocasións, cando non se lle viran as costas por mor dos ollos divididos en andares, en rúas, fábricas, semáforos e destrucción do medio, se amosa salvaxe e virxinal.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


