cara a tortuguero (III)
30.04.07 @ 10:18:12. Archivado en textos creativos
O oso perezoso foi a seguinte sorpresa. Contrastaba a súa lentitude coa vivacidade das miradas que húmidas procuraban comprender cómo se podía respirar e mover sempre, tal e como eles facían, a cámara lenta, tan só comendo follas da árbore que paciente os acubillaba.

Algunha clase desta especie conservaba vestixios do seu antigo rabicho prehistórico, antigamente usado coma trípode, que lle axudaba a manterse ergueito ou como cadeira, e que lle valía na actualidade, cando baixaba da árbore, aproximadamente unha vez ao mes, para facer un buraco no chan, e logo tapar os excrementos que alí depositaba, regresando inmediatamente á árbore.
Continuamos a viaxe, atravesamos Matina, onde o po e algunha bicicleta, xunto co noso autobús alteraba a rutina. Unha anciá de canillas case invisibles cravounos a mirada, xurdiu de detrás dunha parede vexetal, pousou un pé no cemento, encorvouse, achegando a cabeza á altura dos xeonllos, nunha man un pauciño case tan enxoito coma os seus brazos, as engurras, mapa ben trazado do seu percorrido vital, e os seus ollos, aqueles ollos escépticos que vían sen comprender o movemento axitado e constante do autobús, as caras de detrás dos cristais, que simplemente pasabamos como o tempo, quén seríamos, tal vez fose o seu pensamento, ante todo éramos estraños e alleos a súa realidade, tan só pasando polo seu territorio.

Na rúa casas de madeira, totalmente defenestradas, persoas camiñando con enormes paraugas na man que empregaban tanto para protexérense do sol coma da chuvia. Cada vez que aparecían estes artefactos lembrábamos, con certa dúbida sobre o tempo, que alí era inverno. Un camión con refrescos altera a normalidade do po do vieiro, outra vez cocacola, tan presente en todos os recunchos ao igual que as incontables igrexas de diversas tendencias que se erguen en cada núcleo urbano. Cocacola, cervexa imperial, auga cristal, alpina e zumos de estraños e saborosos sabores son os tesouros que agocha no seu ventre o camión que se detén ás beiras do único bar que observei na zona. Xiramos á altura dunha escola pública, fechada por mor das vacacións que comezaron o día un de xullo e rematarían o quince. No patio unha árbore co seu perezoso e os columpios metálicos iguais aos do parque da miña infancia, sentinme nun bambán que co seu pulo me facía chegar ao ceo. A pouca xente que nos cruzamos nos observa e nós observamos á xente. Somos conscientes de que formamos unha rara tribo que levamos pendurado do pescozo unha chea de aparellos dixitais dispostos a retratar.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


