réquiem polo tempo
03.04.07 @ 09:07:13. Archivado en espichos de toxo
o meu reloxo non aturou vivir tantos anos arrimado á rutina, atopeino sen coiraza, cos brazos perdidos. despois de pelexar coma un buxo contra si mesmo decidiu abandonarme e aquí vos estou, desorientada, coa memoria de tantas andainas xuntos e de percorridos circulares.
miña nai regaloumo ao cumprir os dezanove anos. encargárallo a un mariñeiro que faenaba no banco canario-sahariano e dende entón marcoume todos os ritmos, os intres máis tristes e os máis felices con pasos lentos e rápidos. notei que dalgún xeito morriñeaba na poalla verde de galicia e regreseino ao sol canario para que se esparrase como un lagarto nos minutos. así que aínda hoxe estou perplexa polo seu abandono. non podo crer que tamén aos reloxos lles afecte o paso do tempo, que se sentan atrapados polas voltas da vida, que precisen coma nós vivir todos os tempos que os reloxos non marcan, esquecer a fracción dos feitos en termos matemáticos e abandonarse un chisco ao tempo das flores e das palabras. e eu, agora, un pouco máis soa e gris sinto o toco da correa que xa non me ata o pulso coa ledicia de bos días, bea, ¿que tal foi a noite?, ¡veña, arriba!, abre a regaña da rutina, pero deixa a fiestra aberta aos soños e soña, soña que un novo mundo acontece e víveo con intensidade, alí as cousas están no seu lugar, os reloxos latexan nas horas invisibles afastados da lóxica matemática: 1, 2, 3... e así ata 24; pero logo regreso na conta atrás, de vintecatro ata cero e a rutina adoita seguir no seu sitio, ben colocadiña, como un xarrón de flores artificiais. xa cho dicía eu, parviña. ser reloxo é o que che ten. e nada, que marchou, quizais sexa por iso polo que estou de loito e terei que vivir tres ou catro meses a lume de carozo, un lume que non vai permitir que escriba demasiado no meu blog. teño que subir ao ring do tempo e pelexar cada un dos meus segundos para sacar o máximo rendemento, de cando en vez procurarei pór algo aquí, gañar a partida dos segundos, vivir contra, ou mellor dito, sen o meu reloxo.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


