polo sambódromo da vida
22.02.07 @ 19:15:02. Archivado en espichos de toxo
seguen desfilando asasinadas. o mundo é unha casa con pingueiras, un lugar desigual segundo onde se naza e aínda nacendo no mesmo lugar, afecta ao feito de ser home ou muller. ben é certo que as lexislacións nos países occidentais están orientadas cara á igualdade xurídica pero é a igualdade fáctica a que sempre está na corda frouxa. destas desigualdades nos falan, de xeito extremo, as mortas, que pingueira tras pingueira, incrementan a poboación dos cemiterios e tamén os rexistros das estatísticas coas que se fan estudos sobre a violencia exercida no ámbito doméstico e que dá como resultado un indicador de que clase de sociedade temos.
a democracia e o mercado pretenden igualar os territorios e as poboacións, sen embargo tan só nos igualan na creación da necesidade dun incremento de consumo, incorporan aos nosos hábitos novos modelos de conduta e estilos de vida importados dende o mercado máis potente e deixan que nos manifestemos e que nos representen os políticos máis votados, políticos que, ao fin, envían proxectos de leis ás cortes cos que abordar un tema tan delicado como é o incremento da violencia exercida, predominantemente, sobre a muller no ámbito familiar; cortes que aproban tales normas para que ese recanto dos agarimos, o lugar que debe ser o santuario das persoas, a casa, non sexa un cárcere; para que os xuíces apliquen a lei e procuren evitar máis e máis mortes que cada dous por tres sementan os nosos ollos con dor, con ese espicho da certeza das desigualdades, de sabermos que vivimos nun mundo amorfo onde os novos modelos de vida casan mal coas antigas maneiras de sentir e de estar no mundo como home ou muller.
ata non hai moitos anos, aquí, a muller tiña que estar representada polo seu cónxuxe para calquera cuestión xurídica ou mesmo para abrir unha conta no banco; tamén se penalizaba o adulterio feminino pero non o masculino, entroutras cuestións. así as cousas, non é de estrañar que un sector da poboación sinta as desigualdades de xénero como algo normal ou habitual, froito dunha tradición castrante asentada sobre piares de vellos costumes que tecen leis non escritas, normas ateigadas de violencia e rancores en contra da muller a quen seguen a considerar un ser inferior, incluso en moitos casos, unha propiedade que debe seguir as indicacións "do seu dono"; persoas coas que nos cruzamos pola rúa neste enorme sambódromo dos disfraces a quen nin sequera, en boa parte dos casos, os seus veciños recoñecen como agresores, e que ao abriren a porta das súas casas retiran a careta amosando as súas verdadeiras fauces destrutoras e que lle falen daquela ás mortas de políticas de igualdade.... por moito que a morte nos iguale a todos.
en castellano
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


