fuming
13.02.07 @ 20:33:43. Archivado en espichos de toxo
nesta banda das macaronesias, nos autobuses (guaguas), promociónase o guaguing.... pero as plantas das rúas peonís parecen preferir o fuming e o chicling. debe ser algo máis exquisito e produtivo. se as vacas leiteiras poden dar leite condensado, tal e como nos contaba hai
moitísimos anos unha canción, ¿por que unha petunia, xeranio ou dalia non ían fabricar tamén o osíxeno concentrado?, así que ale, veña chute de fume directo á vea verde para acelerar a fotosíntese, e mentres, como quen vai de perruquería a facer baños de cor, toman un chicle, poñamos por caso, sabor menta, co desexo de sucar os padais salvaxes das montañas.
hai que estarlles moi agradecidos, xa que con tal hábito, mentres paseamos pola rúa, ateigada de testos e papeleiras, se nos agasalla cun aire limpo extra que seica é moi bo para a pel sen nin sequera ter méritos dabondo para merecelo. aínda por riba, son tan caladiñas que se tragan,
iso si, en difícil dixestión, as irreciclables cabichas para aforrarlle ao erario público posibles gastos (que previamente tería que ingresar, vía tributos, entre eles, os que gravan o tabaco) en estercos varios e condescendencias xardineirís.
polo de agora non teñen risco de que ninguén as multe, xa que exercen o seu costume en lugares públicos e abertos. é máis, apoian, incondicionais, a lei promovida pola ministra de sanidade porque lles gusta fumar na compaña de bípedos transeúntes botafumeiros que tan desinteresadamente lles din “¿fumas, guapa?”; e elas, aínda tímidas , sempre lles aceptan tódolos cigarros, e ata panos do nariz, cando llos ofrecen, porque sempre hai quen colabora para sacarlles a gripe das follas. menos sorte teñen as plantas de monte, esas nin fan fuming nin chicling, a esas gústalles o ferranching: convivir coa sórdida lavadora vella, co televisor fanicado ou co penico estralado coa fin de non padecer anemia ferropénica. o malo é que en fomento do medio ambiente andan a voces coa cousa de que pobre de a quen cachen botando lixo, a ese, sanción que te criou. así as cousas, só os máis altruístas, ousados e xenerosos se arriscan a que os enganchen polas orellas e lles limpen o peto, e todo por contribuíren á saúde pública.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


