non me estraña nadiña
05.02.07 @ 14:33:20. Archivado en espichos de toxo

de nada que á terra se lle ocorra subir a súa habitual temperatura neste século.. compréndoa perfectamente... e é que os ataques de cabuxería supina pola súa parte, que a quecen ata dicir basta, están máis ca xustificados.
ela dánolo todo: acubillo, solo, aire, un lugar onde habitar para que desenvolvamos a nosa vida conforme ao que somos, e nós, simpáticos e agradecidos, nin a temos en conta. é igual que facer castelos no aire, pero castelos de formigón armado, fumes, materiais tóxicos, chatarra moi contaminante e demais florituras para non ir en contra do tan proclamado "progreso". seino, claro que o sei, as voces din que ir en contra do progreso é ir en contra do sentido común (o máis frecuente, vulgar e tamén maioritario), ¿como imos facer cousa tal? a fin de contas, a terra tan só se laia un chisco de cando en vez subindo un algo a súa temperatura. que chove, pois poñemos impermeable e paraugas e veña a correr, coma sempre, sen deternos no importante; que fai sol, sacamos de chaqueta e ale,... ¿problema? ningún; pero logo non nos botemos a chorar cando os nosos castelos e demais construccións anexas que erguemos pensando na nosa fatua eternidade e no tan "adorado progreso" nos caian enriba e nos destrúan xunto co noso querido planeta, que farto xa da súa invisibilidade e do dano continuo que padece, se bote a tremer e non haxa médico para curalo.
pola miña banda, aínda que é pouco, procuro aforrar enerxía, reciclo (se me descoido, agora ata se envasa o dni) e se podo ir andando aos sitios prescindo do vehículo. son pequenas medidas, insuficientes, de acordo, pero é que tampouco sei qué máis podo facer.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Beatriz Dacosta
Contacto


