Estimada María:
19.02.08 @ 16:55:41. Archivado en Sobre el autor
Escríboche esta carta aberta -que é moi posible que nunca leas- no idioma natural no que me movo de cotío, que é o mesmo có que con máis ou menos tino vimos utilizando dende que o tempo é tempo e sen ningún conflicto, unha xeira inxente de galegos.
Escríboche, malia que a estas alturas (a actualidade é tan caníbal que o debulla todo a tal velocidade que a miúdo só nos permite falar dos desperdicios) semelle que estas letras carecen de sentido.
Sen embargo, o tempo transcorrido dende esoutro día non vai ser obstáculo, nin moito menos, para que faga uso desta columna e me instale na palestra da cara amable de Galicia, que somos -que non che caiba a menor dúbida- a inmensísima maioría, e con tal motivo faga declaración expresa da miña admiración e a miña simpatía.
E isto fágoo dende a consciencia libre de saber que, se algún día se nos cruzan os camiños (o mundo é un pano da man e ademais, ben caprichoso) e nos pomos a falar sobre o noso común colectivo, é moi posible que non compartamos de pé a pá o mesmo ideario político.
Pero iso non quita para que -representando en ti a moitos compañeiros teus e do PSOE, nesa terra contaminada polo veleno anacrónico da intransixencia- cada vez que te vexo na televisión, non me poña ós pés do monumento á democracia que vas construíndo cada mañá que te ergues e camiñas. Á democracia é á valentía que sostés nesa mirada malia a todo serea e limpa.
Quero maxinalo pero non podo (porque hai escenas que só se poden maxinar cando as marca a lume o propio protagonismo), cómo reaccionaría eu ante o futuro se a vida me puxera no transo límite de ter sufrido a face máis odiosa e asasina do fascismo e me arrincara nun arrouto a vida -chea de vida- dun amigo perante mesmo dos meus ollos.
Pero, por máis que o intento non son quen de aproximarme a unha hipótese sequera.
Por iso, cada vez que te observo na distancia, por tras da túa efixie aparentemente cristalina non vexo a face dunha parlamentaria do Partido Popular, nin de ningunha outra formación política. Senón a viva imaxe da resistencia con letras maiúsculas. Esa resistencia que todos deberiamos alimentar con coherencia máis decidida. Porque en cada paso que dás polas rúas infectadas da túa fermosa terra, non fas máis ca sementar un rego de dignidade que logo a política diaria -velaí o Parlamento Galego- se ocupa de enlamar coa súa irresponsable e endogámica inconsciencia.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


