Manifesto polo "e"
17.02.07 @ 10:12:39. Archivado en Sobre el autor
Se vostede fala galego dende que aprendeu a dicir nai, non só non cometerá a aberración lingüística da que lle vou falar, senón que ó escoitala, halle doer coma se lle zopara unha avéspora na orella e lle batera no estribo cunha espora de aguillóns.
Sen embargo, por mor dese papanatismo epidémico que nos últimos tempos está sufrindo o noso idioma, estou ben seguro tamén de que serán ducias -por non dicir centos- de veces as que llo escoite, cun aceno “pseudomodernista” adoiviado con matices “nacionalnuncamaisistas”, a políticos e contertulios, presentadores de televisión e locutores de radio, conferenciantes e falabaratos de toda caste e condición.
Estou falando, evidentemente, do “iísmo”, esa paleta conxunción coa que moitos pretenden facer unha hipócrita declaración de amor á terra, sen caer na condición de estaren matando de noxo un patrimonio que coidaron con harmonía e amor centos de xeneracións, máis iletradas ca eles, pero abondosamente máis intelixentes e infinitamente máis consecuentes co respeto pola máis grande catedral que pode levantar un pobo, como é a lingua que herdamos nós.
Pois ben, para tratar de atallar esta epidemia lingüística que se está estendendo coma unha plaga de carrachos por tódalas capas da sociedade galega, dende a Fundación dos Premios da Crítica veñen de iniciar unha campaña de protección do “e” como conxunción, na que todo galego de ben poderá participar asinándo un texto que vai titulado “Manifesto do e” e do que paso directamente a incluir uns entrecomiñados para que vexa canta razón ten de ser.
“Proposta pública a favor do galego auténtico, a favor dun idioma non artificioso.
Proclama a favor dunha humilde e entrañable partícula mergullada nas raíces da realidade vital da lingua. (...)
Hai tempo que o noso oído fisiolóxico e idiomático percibe, en non poucos falantes, galegos “i” galegas, con ese “i” que é, filoloxicamente, ilexítimo, ilegal, iletrado, ilícito, iincuo. (...)
Sexa cal for a explicación deste sofisticado fenómeno, sexa cal for a explicación de pronuncia tan ilexítima, chegou a hora de dirixírmonos ós falantes con responsabilidades públicas para que asuman comportamentos lingüísticos dignos da súa relevancia social, non só no caso deste Manifesto, senón en todos aqueles que revelan nula ou ínfima sensibilidade idiomática...”
Se vostede está dacordo con isto, súmese “E” o futuro do noso idioma non sabe cómo llo agradecerá...
Dirección para hacer trackback a este post:
http://blogs.periodistadigital.com/btbf/trackback.php/75177
Comparte esta información
Comentarios, Trackbacks, Pingbacks:
Aún no hay Comentarios/Trackbacks/Pingbacks para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto




