Curiosidades históricas
13.02.07 @ 00:20:55. Archivado en Sobre el autor
Vaian por diante as miñas disculpas por se alguén se sente ofendido pola traslación ó foro público destas dúas curiosidades, que maxino por outra banda que para algúns non constituirán ningunha novidade, pois historiadores ten dabondo Compostela como para que isto que vou contar vaia ser unha primicia mundial.
Tamén quero facer unha salvedade previa -para evitar desagradables malentendidos-, afirmando categoricamente que isto nin é nin pretende ser unha segunda parte que teña algo que ver co artigo do pasado sábado.
O que vou desvelar aquí, para vostede que me pode seguir con certa regularidade, non é máis ca senllas curiosidades históricas que me fixeron chegar estes días e que precisamente por ser cousa curiosa decidín compartir, sen máis, polo que non debe ser extrapolada cara ningunha abxecta conclusión.
O caso é que o doctor Rodríguez Míguez, que sabe moito de moitas cousas e que ten unha capacidade narrativa que para min quixera; que coñece coma ninguén un senfín de anécdotas do onte e do nantronte compostelán e que nesa liña ten publicado un libro titulado “Contos de Vilago de Ribadela” que tamén me forneceu e que prometo ler tal como, por prescripción médica, me recomendou: Un relato cada día, baixo risco de sobredose ou intoxicación.
Perdoe a dispersión... O caso é que falando da política que se move actualmente pola capital galega, informounos na sobremesa dos usos para os que orixinalmente foron construidos os dous edificios composteláns dende os que hoxe en día se moven os fíos todos da política galega.
Evidentemente ó coñecelos e saber da coincidencia, a información provocou unha forte gargallada no resto de comensais que o acompañabamos na mesa, polo que el nos prometeu que nos ía facer chegar a proba documental.
E a proba documental confórmana senllas postais que reproducen as fachadas do que hoxe son o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, coñecido popularmente como “San Caetano”, ademais do que hoxe é o Pazo do Hórreo que cumpre funcións de recipiente arquitectónico do Parlamento Galego.
Pois ben, ¿sabe vostede con que obxecto foi levantado o primeiro deles? ¿E o segundo?
Segundo reza na postal, o primeiro co fin de acoller un “grandioso edificio del nuevo colegio de arnormales”, e o segundo “escola de veterinaria”.
Non me diga que non é “bonito” saber estas cousas nestes días de introito do entroido polos que estamos a transitar.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


