Tempo de proxectos
10.02.07 @ 11:08:26. Archivado en Sobre el autor
O xornal de onte deunos a coñecer un ambicioso proxecto que pretende transformar ó val do Támega nunha “eurocidade” con Verín no polo norte e Chaves no polo Sur.Descoñezo o lugar e o contexto onde o alcalde flaviense realizou estas declaracións e descoñezo tamén o grao de elaboración do proxecto, aínda que o que si indicaba a información é que ía ligado ó remate das obras da autoestrada que unirá ámbalas dúas localidades, e que o vicepresidente da Xunta, loxicamente, tamén comparte a iniciativa. O que si coñezo é o tempo que se leva falando destes termos no ámbito da liturxia cultural e social, pois van xa para dúas décadas as que levamos xirando arredor dese concepto os galegos dos sur e os portugueses do norte.E non só coñezo iso, senón que nestas últimas semanas, por diversas causas, incluso fixen referencia explícita a esta cuestión, primeiro utilizando palabras propias e logo utilizando unhas contundentes afirmacións de Curros Enríquez, escritas hai algo máis de cen anos e que incidían precisamente no concepto que agora apunta o presidente da Cámara Municipal de Chaves, é dicir, na necesidade de borrar definitivamente a raia, cousa que soamente se logrará cando a economía corra do mesmo xeito entre Verín e Chaves do que nestes intres corre entre Verín e Xinzo de Limia.E é que se ben houbo un tempo en que os concellos tiñan como máxima seren beneficiados con programas supramunicipais do tipo “Plan Bulleiro” que tan famoso fixera Victorino Núñez. E houbo outro tempo ligado ós alcantarillados e á electrificación, así como ó abastecemento de auga e ó saneamento. E incluso un terceiro que tivo como norte o embellecemento dos núcleos urbanos, a mellora das súas rúas e outro tipo de instalacións, xa foran rurais ou urbanas, xa sociais, culturais ou deportivas, xa infantís ou senís; é evidente que agora os tempos empezan a esixir outros compromisos, que non teñen por qué ser máis importantes ca esoutros, pero si deben ser máis responsables para definir o futuro dos habitantes que viven neles.Estou falando, evidente daqueles concellos que teñen unha personalidade propia e unha entidade social suficiente para poder marcar os alicerces básicos da súa economía colectiva. É dicir concellos, digamos, de capitalidade comarcal. Dos pequenos ocupareime outro día.Cada concello ten sempre unha personalidade propia na que ten que afondar para definir o seu futuro. O alcalde de Chaves teno claro ¿E os alcaldes ourensáns?
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


