Cousas que non entendo
10.02.07 @ 11:29:10. Archivado en Sobre el autor
Dende hai un tempo a esta parte son tantas as cousas que non entendo, que estou decidido a propoñerlle ó director do xornal que me permita abrir unha sección baixo ese mesmo epígrafe, é dicir, “cousas que non entendo”, para poder compartilas con vostede, querido lector, a ver se entre todos somos quen de procurar unha explicación posible.Non entendo, por exemplo, que poida ser tan progre defender a eutanasia (que por su posto eu defendería en casos de decisión libre, consciente e non condicionada), é dicir, a liberdade que nos asiste para poder decidir sobre a nosa vida; e, sen embargo, ser conservador -ou reaccionario, incluso- defender a liberdade de aquel que, porque quere, decide deixar de comer ata o punto de por en risco a súa vida.Non entendo, por exemplo, -como xa dixen aquí esoutro día- que o estatuto marco dun país, dunha nación ou dunha comunidade autónoma, o decidan tres persoas nunha mesa, sen ningún taquígrafo que lle poida dar luz ás distintas posicións que se defenderon nela.Non entendo, por exemplo, o grao de seguidismo das ideas que ten acadado este país, que fai que aínda sen ter identificado a quen está facendo unhas declaracións, polo simple xeito de as facer xa se saiba, cunha alta porcentaxe de acerto, a qué partido político pertence.Non entendo, por exemplo, que se poida estar debatendo sobre o idioma que deben utilizar as bonecas mentres empresas como Pescanova foxen para Portugal ou para Valencia sen que ninguén faga nada.Non entendo, en fin, cómo poden pasar o inverno os rusos, os suecos ou os alemáns, con temperaturas de dez ou vinte baixo cero e nevaradas de medio metro, se aquí ó chegar ós cero graos (nin frío nin calor, que diría o inefable ministro) e cagar unha paloma, paralízanse tódalas autoestradas.Como non entendo, tamén, que se prohíba fumar con vehemencia nun local e se pretenda despenalizar ó mesmo tempo determinados tipos de droga.E non entendo -qué lle vou facer-, que un home marche de vacacións e cando volve á súa casa se vexa denunciado por intromisión na intimidade dos demais porque nela están vivindo uns ”okupas”.En fin, que non entendo tantas cousas que ou me estou facendo vello e a capacidade de análise que tiña intacta está mirrando, ou tamén -pode ser tal vez- que o mundo ande tanto do revés que xa non sei onde me hei poñer para saber se xira cara a esquerda ou a dereita.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


