Unha titiritada
12.12.06 @ 01:09:22. Archivado en Sobre el autor
Hai unhas semanas, cando Xosé Manuel Beiras estivo no Ateneo para falar do Estatuto, dixo que inserir nel o termo “Nazón de Breogán” viña a ser como acuñar “España cañí” na Constitución.
Esta fin de semana volveu sobre aquelas palabras nunha entrevista que lle fixeron na radio pública galega. E a verdade é que, aínda que daquela xa fixen referencia a elo, non quero deixar pasar a ocasión para volver eu tamén sobre as miñas palabras, porque iso de que poden ser un botón de mostra do que pensa moita xente que vive as 24 horas do día en galego sen ter necesidade de facer militancia política nin exaltación ideolóxica en cada verba vocalizada nin en cada manifestación.
E volvo por dúas cuestións: A primeira é que alguén que pasa pola esquerda social e nacionalista ós que fixeron a proposta, a ridiculice cunha comparación de castañola e pandereta, cando menos é para facernos pensar. E a segunda ten que ver cos alicerces ideolóxicos da iniciativa.
Certamente non sei -nin me interesa- quen foi o que a levou á comisión parlamentaria e en base a qué criterios o fixo.
É de supor, en calquera caso, que a levaría por algo máis ca por que apareza en “Queiximes dos pinos” e porque eses versos de Pondal estean oficializados pola Lei de símbolos de Galicia.
Por iso, dende que lla escoitei, repito, a non sei quén, o asunto levoume a facer inmediatamente dúas preguntas.
A primeira é a seguinte: ¿Molestáronse, os que traballaron a iniciativa, en saber quén era e qué representaba Breogán? E a segunda, se cadra máis contundente: ¿Sabe a sociedade galega quén é e a quén representa Breogán?
Á primeira, evidentemente, teralle que dar resposta o seu redactor. A segunda, respóndaa vostede, querido lector, e abofé que ha coincidir comigo en que ir máis alá do mito celta supón unha aventura intelectual sobre o vieiro da especulación histórica con destino no fracaso.
¿Necesitamos pois os galegos que nos conten unha mentira histórica para decatármonos de que formamos parte dun pobo de seu, que ten cultura de seu e que ten idioma de seu que utiliza abondosamente máis ca ningún outro pobo ibérico sen estado, a cotío?
Sinceiramente creo que a “Nazón de Breogán” está ben para un poema, para o título dunha exposición ou para un “Señor de los anillos” galaico-irlandés, pero para definirnos xuridicamente como pobo é unha titiritada que só leva ó sarcasmo, cando non a un ridículo -velaí outro trazo identificativo- do que só somos capaces nós.
Comentarios:
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


