Primeiro plano
19.11.06 @ 18:04:21. Archivado en Sobre el autor
Coñecendo a fina sagacidade xornalística do meu compañeiro Daniel Atanes, estou seguro de que non foi casual o primeiro plano no que enfocou a unha nena, na compaña doutros nenos remexendo nos trebellos do obradoiro sobre investigacións científicas expostos no Parque Tecnolóxico con motivo da Semana da Ciencia que está a organizar a Consellería de Industria.
Dado o nivel de incidencia que a primeira portada do xornal ten nesta sociedade nosa que afortunadametne non pode almorzar cada día sen ela, a verdade é que -se se poidera- houbérame gustado facer unha enquisa para saber qué porcentaxe de lectores repararon nela.
E non porque a foto de portada fose espectacular, nin tampouco porque fose morbosa ou porque amosase algunha situación comprometida dalgún personaxe público, pois todo canto transpiraba a imaxe -como xa dixen- aparentaba normalidade. É dicir, a normalidade dun grupo de nenos e nenas amoreados sobre un mostrador e concentrados en descubrir cómo se coñecen as pegadas que na vida cotián van deixando as nosas mans por tódolos obxectos que caen nelas.
¿Por qué reparei nela e por qué digo que me gustaría facer unha enquisa, se todo era normal?, preguntará vostede, querido lector.
Pois reparei porque, do mesmo xeito que fixo o meu compañeiro fotógrafo cando fixou na memoria dixital o que estaba vendo a través do visor, a nena que colocou perante o primeiro plano do seu obxectivo era unha nena que levaba un pano sobre a cabeza, desvelando, con elo, unha procedencia cultural e unha profesión relixiosa que non ten nada que ver coa nosa occidentalizada tradición católica e romana.
Evidentemente, nin o pé de foto, nin a ampliación interior da noticia facían referencia ningunha ó detalle, porque evidentemente non tiña trascendencia ningunha para a información que ilustraba a fotografía.
Sen embargo, a min -coma a el- chamoume a atención e por iso a traio a colación, descontextualizándoa do motivo para o que serviu de ilustración. E tráioa pola normalidade que transmite (unha nena máis, entre outros moitos nenos e nenas ourensáns, xogando a seren detectives). Unha normalidade que por desgracia non se repite noutros lugares de España, onde o conflicto coa inmigración é permanente, e que se me antoxa imposible de ver se a traslado a calquera país árabe e invirto a imaxe para outorgarlle o dereito, a unha nena occidental, de andar sen pano por onde lle pete a ela e ós seus pais.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


