Unha figura afable e senlleira
20.10.06 @ 23:51:52. Archivado en Sobre el autor
Facía calor aquel día de xullo do 99, cando premín do timbre da súa casa valdeorresa. Eran as cinco da tarde e eu presentábame consciente de que ía porme a falar cunha figura senlleira da historia contemporánea de Galicia.
Pesábame, polo tanto, a responsabilidade por estar á altura das circunstancias, xa que logo, no xogo dual que se establece decote nunha entrevista sempre hai un diálogo sen son, un debate interno de sensacións durante o cal o entrevistado tamén vai entrevistando ó entrevistador segundo as preguntas sexan ou non capaces de seguir con coherencia o fío das respostas.
Pero os recelos que o viaxeiro fora alimentando ata chegar alí desapareceron tan pronto nos demos a man e me ofreceu un cigarro que educadamente rexeitei pola miña condición de non fumador militante.
Empezamos a falar e, cando me decatei, a gravadora deixara de funcionar, polo que unha parte da entrevista debería ser recuperada cun esforzo de memoria que agora -sete anos despois- boto sumamente en falla.
En calquera caso, acabei conseguindo un material que nantronte se transformou nun documento histórico para a miña traxectória xornalística, e nun testemuño con gran valor sentimental para a miña traxectoria humana fronte á quen tivo nas mans a responsabilidade histórica de por a andar a maquinaria social dos soños que foron vida e morte de tantos e tantos nomes que se resumen nas arelas dos de un só: Alfonso Daniel Rodiguez Castelao.
Faloume con emoción de Franqueira. Faloume con nostalxia de Coalición Galega. E faloume con perspectiva doutras moitas cousas que algún día reproducirei tal como quedaron gravadas.
E finalmente, denantes de despedírmonos co compromiso incumprido de que volvería por alí, e denantes aínda de tirarlle unhas fotos -que aínda conservo- na horta-xardín daquela casa, contoume unha anécdota que nunca escribín e que agora reproduzo para demostrar a afabilidade que estes días destacaron os xornais ó informaren do seu óbito.
Contoume que, unha vez, Pío Cabanillas e Manuel Fraga foron bañarse a unha praia apartada de Cambados e como non tiñan bañador decidiron remollarse en picañas crendo que ninguén incomodaría aquela prohibida licencia. Pero cando estaban saíndo da auga toparon na area un grupo de monxas que colocaron coma un resorte as mans do “patrón” por riba das súas vergoñas. Entón Cabanillas berroulle, todo cheo de razón: “Manolo, ahí no, ahí no... En la cara...”
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


