O galiñeiro
26.09.06 @ 08:33:25. Archivado en Sobre el autor
Eu non sei se xa falei noutrora deste asunto, pero as declaracións do presidente da Xunta desta fin de semana no senso de afirmar que garantiría o respecto institucional hacia os alcaldes galegos (significativamente os do PP) vanme dar pé para dicir algo que moita xente -eles os primeiros- pensa en privado e se cadra por prudencia orgánica non se atreven a dicir.
Cando o cohorte dirixente do reino de “Don Manuel” -e cando falo da cohorte dirixente, non falo só dos conselleiros, senón dun bo fato de directores xerais e de máis de un delegado- deixaba a marca dos seus zapatos de charol na moqueta da Xunta e viaxaba de contado no pomposo coche oficial, a chegada dun alcalde “compañeiro” de partido ó seu despacho adoitaba ser interpretado coma un incordio.- “¡Pero home!, xa volves estar aquí. Non ves que sodes moitos a pedir ...”.
É dicir, o feito de contar con 270 alcaldes repartidos por Galicia era coma ter outras tantas areas no zapato, porque cando non se metía un, metíase outro e logo outro, e así tódolos días da semana e tódalas semanas do ano; e ninguén levaba nada ó despacho, senón que todos ían pedir.
É certo que non pedían para eles -¡ata aí podiamos chegar!-, pero ó fin e ó cabo entraban a pedir o que o conselleiro non podía -ou non quería- dar, porque -e este é outro latiguiño do político cando se eleva a cargo institucional- os recursos son sempre limitados e é imposible atender a todo o mundo ó mesmo tempo.
Desta dinámica foi de onde xurdiu aqueloutra máxima que asegura que a Transición transformou ós alcaldes en ninguneados esmolantes condeados a perder o tempo, á espera dunha audiencia, na antesala dos despachos, digamos ”superiores”.
Pero, mira por onde, que cando de súpeto o seu partido se viu privado da Xunta, o que antes era un problema, de pronto xurdiu coma unha posible solución, pois é ben certo que non hai mellor oposición cá que se pode facer -se se quere e se coordina- de institución a institución.
E aí os ten, querido lector, en guerra aberta co goberno bipartito, facendo oposición.
Pero non menos oposición cá que lles fai a eles a Xunta, suprimindo obras, alongando prazos, adiando solucións, ponteando cando pode a súa xestión, ou simplemente obrigándoos a agardar preto dun ano para seren recibidos por quen coa boca grande predica mesianicamente o respecto entre as institucións.
E vostede e eu, querido lector, entrementres, vendo cómo o galiñeiro dá, cada día, máis fedor.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


