Esaxerado (pero real) exemplo
23.09.06 @ 08:33:55. Archivado en Sobre el autor
Supoñan por un intre que se ve na obriga de desprazar a súa residencia ó outro cabo do país -a Algeciras, poñamos por caso- e que ten un fillo ou unha filla en idade e co expediente habilitado para cursar cuarto da ESO, e cando chega ó Instituto algecireño (supoño que se dirá así) e se dispón a cubrir o papeleo, o funcionario lle di:
- No, su hijo tiene que matricularse en primero.
- ¡Pero cómo! -retrucará vostede cos ollos coma pratos de abertos-, non ve esta certificación que di que o rapaz ten tódolos cursos aprobados no colexio do lugar do que procedemos.
Entón, como resposta administrativa, que non lóxica -porque segundo me recoñeceu unha xefa de servicio, a tramitación administrativa non ten por qué coincidir coa lóxica- o funcionario de turno replicaralle:
- ¡Ah! Pero como en este centro el chico no tiene ningún expediente abierto, tenemos que abrírselo en primero y después ya será la comisión de evaluación la que decida si puede cursar cuarto.
- ¿Pero, e se empeza o curso, entón ten que ir a clases de primeiro?, exclamará xa, apretándose por dentro para que a lóxica administrativa non lle saia en forma de serpes, raios e coitelas.
- No , el niño puede ir a clases de cuarto hasta que la comisión confirme que todo es correcto. Entonces le abrirán un plazo para solicitar el cambio de expediente y, una vez tenga expediente en este centro, ya lo matricularemos en el curso que le corresponde.
- ¿E iso canto pode tardar?
- ¡Hay! Eso no lo se, pero no se preocupe, que es el trámite habitual y no tendrá problema.
E aí terá ó rapaz matriculado en primeiro, con todo o expediente en regra para estar matriculado en cuarto e indo ás clases de cuarto de forma irregular, aínda que, iso si, coa connivencia do centro.
Evidentemente, o que lle acabo de contar, querido lector, non é máis ca un hipotético exemplo. Esaxerado exemplo, iso si, pero que se transforma en caso real se no canto de falar da ESO, falamos dunha carreira universitaria, e se en vez de facer o salto de cuarto para primeiro cara atrás, o facemos soamente dende o segundo, para que a “caída” se note menos.
Pois iso mesmo aconteceume onte a min ó ir matricular á miña filla para segundo de carreira, xa que volvín con ela matriculada en primeiro en canto unha comisión de validación non decida se as materias -o curso enteiro- que aprobou na Universidade de Barcelona son válidas ou non para pasar a segundo en Compostela.
É dicir, igual ca se empezase a carreira na China. Ou nun centro sen homologar do inferno.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


