Unha estrela de cinco puntas
16.09.06 @ 10:13:32. Archivado en Sobre el autor
Se vostede, querido lector, fose de terra adentro e topase unha gaivota aniñada no quicio da súa fiestra, seguramente había pronunciar algunha exlamación, non por imposible -que non- senón por insólito.
Se a vostede, querido lector, se lle dese por colleitar caraveis e cando tocase a recolleita, se atopase no invernadoiro con rosas vermellas darredor, abofé que exclamaría: ¡Quen carallo me cambiou a semente!.
E se a vostede, querido lector, se lle dese por informarse sobre a mensaxe que irradia dende sempre unha estrela de cinco puntas, estaría en condición de explicarme que é un símbolo que adoptou o socialismo para representar os cinco dedos da man do traballador, amén dos cinco continentes. E incluso, noutra versión, os cinco grupos sociais que necesita a revolución para levar a cabo a transformación da sociedade, como son a xuventude, os militares, a clase obreira, os labregos e os intelectuais.
Entón, unha vez sabido isto, é dicir, que a estrela de cinco puntas simboliza o comunismo ideolóxico (algo tan loubable, por outra banda, como é para o cristianismo a cruz de brazo longo), é dicir, un ideario social laico que nada ten que ver coa relixión católica e moito menos co espíritu que por tradición desprende de seu un monumento mariano. Repito, se vostede fose coñecedor destes pormenores e se topase cunha estrela de cinco puntas inserida no deseño dun cartel que anuncia a “inauguración das obras de restauración do campanario” dun santuario mariano, seguramente pensaría igual ca pensaría o que topase a gaivota en terras de interior, ou o que plantase caraveis e recollera roseiras. É dicir, que o que deseñou o cartel ou se equivocou ou sabe moi pouco do futuro que ten un matrimonio de Marx coa Virxe.
E ven a conto esta disertación porque do mesmo xeito que me chamaría a atención -e polo tanto denunciaría- se vise un bando do Concello de Verín adoviado cunha rosa -porque o seu alcalde é do Psoe-, ou se me abrirían os ollos coma pratos -e tamén denunciaría- se vise un cartel de Xinzo cunhas gaivotas sobrevoando as pantallas do Entroido -porque o que manda alí é do PP-, tamén nantronte me deu na vista -e por iso o digo- ver un anuncio informando da presencia de “autoridades da Consellaría de Cultura” cunha estrela de cinco puntas ó carón.
Sinceiramente o que quixo facer publicidade subliminal con este anuncio, pouco favor lle fixo á Virxe. E moito menos aínda ó partido que representa.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


