Palabras repetidas
02.09.06 @ 09:48:01. Archivado en Sobre el autor
“As loitas políticas que eu vivín sendo un rapaz e xa de mozo, en Celanova, non tiveron nin alí nin nos seus arredores, o enrabexamento que chegou a ter no resto do país. A proba delo é que despois, cando escomenzou a guerra, ninguén foi morto, ninguén foi axusticiado; non houbo represalias políticas coma as que se produciron en cáseque tódalas partes. Non pasou isto porque os que en certa maneira estabamos “in pectore” condeados a morte, pertenciamos a familias de dereita; iso foi unha grande ventaxa pra todos nós. A verdade é que a xente que, daquela, fíxose cargo en Celanova da cousa política, portouse moi honestamente”.
Evidentemente, estas palabras non son miñas, por iso están entrecomiñadas. Son palabras pronunciadas en 1978 nun programa denominado “Antes del silencio”, na emisora “La voz de Vigo”, e que en 1981 transformaron en letra escrita os entrevistadores, María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo, nun libro subtitulado cun fermoso “Compañeiro do vento e das estrelas”.
É certo tamén que o autor, cando as pronuncia, estase a referir de forma concreta ás xentes dun e doutro lado da contenda, pero do entorno da vila de Celanova. Non ás xentes que poideron seren traídas de fóra e caeron asasinadas -como apuntei esoutro día- nas gabias do Corgo de Sorga ou na Munía, no termo municipal da Bola; na Poza das Ras, en Verea, ou nas corgas da Lampaza, no municipio de Rairiz de Veiga, sempre lindeiras coas inmediacións do planalto de triste fama que as xentes veciñas titulan do Furriolo.
Outra persoa que conta con autoridade académica para ser crido, é Julio Prada, quen di: “Escasa é a información que posuímos sobre o grao acadado pola represión paralegal no partido xudicial, que a xulgar por algúns testemuños non acadou unhas proporcións máis elevadas grazas á actitude amosada por algunhas seccións locais da Falanxe, por exemplo a de Celanova”.
Quero dicir con isto o mesmo que dixen esoutro día cando recomendei documentación e prudencia á hora de falar de “centos” de fusilados no Furriolo; pero utilizando palabras alleas para evitar pensamentos abxectos sobre as posibles intencións destas letras.
Repito pois, que non hai mellor forma de facer xustiza coa Historia e cos que perderon inxustamente a vida nela, ca contando a historia verdadeira. Non a historia magnificada pola métrica literaria ou por palabras que por repetidas a memoria acaba dando por certas.
Por certo, as verbas entrecomiñadas foron pronunciadas polo autor do “Longa noite de pedra”.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


