Un bo camiño
01.07.06 @ 00:44:17. Archivado en Sobre el autor
O que vou reproducir aquí, evidentemente non é da miña autoría -¡quen me dera!-. Pertence a un libro que ten sido libro de cabeceira durante moitos anos e do que gardo coma unha alfaia un exemplar publicado en “Edidiós Galiza” de Buenos Aires no ano 1974 e que hai tamén moitos anos me regalou un amigo ó que agora lle teño perdido a pista.
Foi escrito polo seu autor entre Valencia e Barcelona nos difíciles derradeiros meses de 1937 e tráioo aquí agora que moitas das súas palabras cobran actualidade novamente. Di así:
“Canto máis pensamos no porvir da nosa Terra máis nos convencemos da necesidade urxente de unirnos todol-os galegos de boa vontade. Temos todo por facer, e do noso traballo depende o benestar de Galiza. E para traballar necesitamos unha ferramenta: O Estatuto.
Os soños primeiro e as ideas despois, crean feitos históricos. E Galiza xa soñou e pensou d-abondo. (...) Que os demais hespañoes antifeixistas respeten os nosos anceios de liberdade. Que ningún grupo político nos achaque intencións disgregadoras. Os que figuramos na vangarda do galeguismo non defendiamos máis que principios unionistas. Loitamos pol-a unidade da nosa Terra, que é a Patria natural, e pol-a unión peninsular, que sería o Estado naturalmente admisible.”
E noutro apartado, respecto da “nacionalidade”, ou do “carácter nacional” de Galicia, que o autor utiliza indistintamente, di:
¿Cal é o criterio dos galeguistas? Para nós, os galeguistas, Galiza é unha nación e ten o dereito e o deber de organizarse autonomicamente. Xa sinalamos a coincidencia do galeguismo e do comunismo a este respecto e nas arelas de orgaizar a convivencia fraternal das nacionalidades hispanas dentro do marco dun mesmo Estado. Así o proclamamos en Berna o ano 1932, ante o IX Congreso das Minorías Nacionaes de Europa.”
Velaí dous fragmentos aparentemente contradictorios, pero realmente non tanto, que van adicados tanto a aqueles que lle teñen medo ás palabras coma a aqueloutros que pensan que as palabras son o paradigma dos nosos anceios.
Pois ben, para uns e para outros, a miña recomendación é que lean “Sempre en Galiza” e busquen esta outra declaración de principios: “Frente a un separador sentímonos intransixentes; frente a un amigo sentímonos dispostos a pactar; frente a un irmán somos capaces de ceder parte do noso ideario”.
Velaí un bo camiño para acadar ó final un bo acordo.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


