Esquizofrenia lingüística
27.06.06 @ 00:16:28. Archivado en Sobre el autor
Hai uns días, mergullada na voráxine dos exames finais, a miña filla díxome: “Pola noite temos que estudiar Sociais”. Eu, que son obediente por responsabilidade paternal, cando cheguei collín o libro de Sociais de 3º da ESO e púxenme a darlle repaso. E como ó empezar a ver algunhas cousas, demoreime de máis, a miña filla lembroume que era ela e non eu a que se tiña que examinar.
E non foi que me entraran gañas de engulir dunha asentada todo o que alí se apuntaba, senón que unha vez máis constatei a situación de esquizofrenia lingüística na que vivimos e aquilo traboume e, ó mesmo tempo levoume a pensar tristemente en cara onde nos queren levar en caída libre os que pensan que unha lingua é unha goma que estira ó albedrío de determinados sectores sociais, sen decatarse de que nin cen catedrais de Santiago xuntas igualan o inxente labor creativo e constructivo que precisa un idioma. E que a ningún arquitecto, nin á Dirección Xeral do Patrimonio, nin ó Arcebispado de Compostela se lle dá por mudar pedras da Catedral por que si, nin tampouco por colocarlle outras sobre o tellado sen tino, conscientes de que, de andalas mudando de calquera xeito, todo o edificio correría un risco monumental.
Digo isto porque nun intre reparei nun mapa e empecei a ler topónimos que eu xamais escoitara, mentres outros -por estaren noutro idioma que non en castelán- eran respectados no idioma orixinal.
Empecei a ler ”Conca” por Cuenca, ”Elx” por Elche, ”Alacant” por Alicante, ou ”Eivisa” por Ibiza, sen esquecer outros como Fuenxirola, Nerxa ou Cartaxena, mentres curiosamente se mantiñan Torremolinos ou Torrevieja, que pola mesma lei deberían ser ”Torremuiños” ou ”Torrevella”.
¿E qué pasou cando cheguei ó País Vasco? Pois, para ser politicamente correctos lin: ”Bilbo/Bilbao”, ”Donosti/San Sebastián” e ”Gasteiz/Vitoria”.
Pero, o máis curioso foi cando reparei en Cataluña, xa que logo, aí o respecto era total e ”Vilanova e a Xeltrú” conservaba o seu “Vilanova i la Geltrú” catalán, do mesmo xeito que ”A Escada” mantiña a toponimia de L’Éscala, ”Rosas” era Roses e San Feliú de Grixols non era ”San Fiz”, como debería ser, se se traducise ó galego como as demais.
Entón pregunteime en base a qué odiosa regra de feitos un "defensor" do galego pode pór o berro no ceo se escoita dicir ”Celanueva”, ”Carballino” ou ”La Coruña” e pola contra condea a un cartaginés a ser de ”Cartaxena” ou a un conqueño a ser de ”Conca”, así, por que lles sae...
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


