O silencio
20.06.06 @ 00:33:00. Archivado en Sobre el autor
Hai unha frase da que seguro que o meu amigo Rosendo coñece ó seu autor e que en versión popular e ó mesmo tempo persoal ven a dicir algo así como: “Se o que vas dicir non é máis interesante có silencio, entón estate calado”.
Hai outra que Rosendo seguro que non sabe de quen é, porque a vou dictar agora mesmo, e que se expresa deste xeito: “Escoitar o silencio é o mellor xeito de escoitar á conciencia”.
Son dúas, pero poderíamonos deter noutras moitas que aluden en todo caso á paradoxa metafísica que supón pretender oír algo que non ten son, malia que mesmo para os músicos resulte tamén unha arte, sabedores como son de que para interpretar unha melodía en axeitada composición resulta imprescindible saber pautar os silencios na súa exacta dimensión.
En fin, que o silencio, aínda que semella que non está -porque evidentemente non se escoita- é algo que forma parte intrínseca e indisociable das nosas vidas. E non só desa etapa periódico-biolóxica que se repite cada noite cando nos deitamos pracenteiramente a durmir, senón desoutra que nos regula os pensamentos e nos permite disociar todo o que se move ó noso arredor, faga ruído ou non.
Pois ben, de que saibamos ou non interpretar o silencio cada día depende en boa medida a nosa guía vital, porque, como dixen denantes, ese -o do silencio- é precisamente o momento que utilizamos para pensar.
E moito exercicio de silencio é o que vai ter que practicar a clase política española para descifrar -en silencio- os códigos que trae tras de seu ese silencio electoral que en público non queren interpretar ou interpretan en clave interesado-política e que en privado han de recoñecer como unha voz autorizada que lles di que a política está para solucionar problemas, e non para crearlle máis problemas ós cidadáns.
Van ter que interpretar o silencio Zapatero e Maragall, porque en silencio dixéronlle que teñen outras cousas que lles interesán máis. Vai ter que interpretar o silencio Artur Mas, exactamente polo mesmo. Vai ter que interpretar o silencio Carod Rovira, porque en silencio dixéronlle que está ben que un se crea as súas propias mentiras, pero é de ilusos pensar que as van crer os demais.
E máis que interpretar o silencio, o que van ter que facer no Partido Popular é buscar -para colocalo nun altar- ó estratega que lles propuxo un “non” que os lanzou ó precipicio, cando se houberan optado polo silencio -é dicir, pola abstención- hoxe botarían fogos de artificio cun 70 % de apoios ó seu discurso por tras.
Comentarios:
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


