¿Seremos tan pailáns?
17.06.06 @ 14:16:22. Archivado en Sobre el autor
A aparición hai uns meses, dunha noticia que informaba de que un dos candidatos ó Premio José Couso de xornalismo, que organiza o Colexio de Xornalistas con Caixanova, ía ser o Consello do Audiovisual de Cataluña, alporizoume de tal maneira que fendendo un vello costume de non participar en propostas xeneralistas, decidín enviarlle un correo por medio do cal lle facía saber o meu disgusto como colexiado ó comprobar cómo nin sequera o xornalismo ten sido quen de se zafar desa eiva catalano-seguidista que nos lastra dende moito antes de que nacera incluso Luis Companys.
A protesta naquel intre, máis que contra Cataluña -non vaia ser que se me entenda mal e alguén queira interpretar semellanzas con cousas que nada ten que ver isto- ía contra o noso palurdo papanatismo endémico que nos leva a vivir cun ollo chantado sempre na rés do País Vasco e outro no cu do pobo catalán para autoxustificármonos como pobo e colocar os horizontes que como tal debemos perseguir.
Unha cumprida resposta explicoume que abondaba con que un colexiado fixera unha proposta para que o candidato aparecera na lista posible a votar, deixando para outra ocasión o exercicio do meu dereito ó voto.
Fago este longo preludio para demostrar que nin sequera no ámbito dun colectivo reflexivo e intelectualmente libre como é dos xornalistas temos sido quen de abstraernos ó influxo lunático que exercen esas dúas sociedades transformadas pola Constitución do 78 en Comunidades Autónomas, sobre nós e sobre o pretendido futuro que nós queremos para nós mesmos.
E tráioo agora a colación, despois de ler este domingo unhas declaracións do presidente da Xunta arredor do proxecto de Estatuto nas que, logo de ter lanzado ata o aburrimento a mensaxe de que Galicia ten que explorar o seu propio camiño, ¡unha vez máis! ambicionaba un teito competencial de “máximos” ó mesmo plano que o País Vasco e Cataluña.
E ”volta a burra ó trigo”, como din na Andalucía oriental. ¿Seremos tan pailáns -mellor dito-, a nosa clase política será tan pailán que é incapaz de traballar no noso futuro sen ter que plaxiar a esas dúas sociedades que, por outra banda, son o que son gracias á man de obra noutrora barata que para eles supuxo o traballo no aceiro ou nos tecidos dos nosos avós, dos nosos tíos ou mesmo dos nosos pais?
¿Seremos tan pailáns -digo- como para non saber procurar o noso horizonte por noso e non por cómo sexa o dos demais?
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


