Perversas declaracións
03.06.06 @ 01:04:08. Archivado en Sobre el autor
É de supor que alguén andou fino e lle dixo: “Presidente, tes que saír ó paso das declaracións, porque levan unha carga de profundidade que pode danar a nosa liña de flotación”.
E o Presidente termou o micrófono e dixo: “O goberno galego autocrontrólase para aplicar un criterio de lealdade con tódolos concellos, independentemente da súa cor política”. E despois de dicilo, é de supor que acougou; porque de non dicilo estaría dándolle o visto e prace -con toda a solemnidade e toda a dose de asunción que pode ter o silencio dun Presidente-, a unha afirmación tan perversa coma que “para que un concello conte con investimentos, é requisito indispensable que o seu alcalde se integre no PSdeG-PSOE.”
Pois iso foi o que dixo, con luz e taquígrafos -un deles o conselleiro de Traballo e secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela- perante os medios de comunicación, esta mesma semana, o alcalde de Brión; alcalde independente ata hai só uns días e agora “socialista de toda a vida” por obra e gracia da Xunta e da súa “capacidade de atracción”.
Evidentemente e por moito que o presidente saíse rápido ó quite, este pensamento que o alcalde de Brión fixo público sen cortarse un pelo, non é patrimonio só do alcalde coruñés, nin tampouco é novo para outros moitos colegas del que xamais entraran no despacho de Fraga Iribarne e agora coñecen tódolos atallos de Raxoi.
Moitos alcaldes do PP e algún que outro presidente de Deputación -poñamos por caso o de Ourense- están vivindo en carne propia a mesma situación que con Fraga Iribarne viviron algúns rexidores do BNG e do PSdeG, pero ó contrario, agardando unha chamada que nunca se dispón.
Ora ben, de asumir tacitamente que a axenda do Presidente é moi mala de cadrar e polo tanto hai que ter paciencia e esperar -aínda que algúns se colen pola porta de atrás-, ata facer declaración expresa de mercadeo, é dicir, “votos por inversións”, hai un treito que, de cruzalo, ten a palabra escándalo como única definición.
Por iso que, se o que dixo Touriño é certo ou non, non é tan importante -malia que estaba obrigado a facer o desmentido pola boa saúde da Institución- coma o que poidan dicir coa boca pequena os que manexan os tempos do Presidente e teñen a súa axenda baixo control.
Eles si que son os que saben coma ninguén canto hai de certo -malia que sexa perverso- nas declaracións do alcalde de Brión, do mesmo xeito que antes o sabían os que gobernaban a cohorte do seu antecesor.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


