Casualidades nas que non creo
27.05.06 @ 00:40:08. Archivado en Sobre el autor
Hai unha ou dúas semanas o amigo Marcos Valcárcel propúxonos a tódolos lectores do seu caderno de bitácora un debate -mellor dito, un foro de reflexión- sobre a necesidade de traballar na promoción do idioma dende unha óptica que sume e que non provoque enfrontamentos entre as distintas sensibilidades que se dan na sociedade galega sobre a nosa lingua.
“O galego en positivo” titulou el a iniciativa, convidándonos a reflexionar sobre esa cuestión, segundo, evidentemente, o noso parecer persoal e intransferible.
Naqueles días andaba eu especialmente sensible logo de pronunciarme publicamente sobre ese neoloxísmo tan mimetizado xa en moi concretos foros políticos e culturais, como é o “grazas”, unha palabra que nestes intres pode ter todo o dereito linguístico para convivir co “gracias” de toda a vida, pero que a min -e a moita xente coma min, segundo mo fixeron saber- moléstame no oído ó escoitala, simplemente porque me parece forzada, do mesmo xeito que se fai forzado escoitar a determinados bustos parlantes castelán-falantes na televisión, cando falan en galego.
Aquela sensibilidade temporal levoume a facerlle chegar unha reflexión privada bastante crítica coa situación que se empeza a detectar en determinados ambientes político-institucionais e que seguramente en non moito tempo, a lóxica ósmose fará chegar ó resto da sociedade.
De tódolos xeitos prometín reflexionar sobre a necesidade de traballar a prol do galego en positivo, algo polo que, por riba de todo, cada un de nós debemos traballar -penso-, alén de grandilocuentes reflexións públicas, na nosa propia vida diaria e no noso entorno máis inmediato, o noso entorno cotián.
Sen embargo, días despois, sobre a placa do garaxe -que o Concello editou en castelán- da casa de meus pais, onde gardo o coche, apareceu pegado un autocolante da Mesa pola Normalización Lingüística -o único que vin por Celanova- tapando o “je” e deixando á vista un “Gara” que non souben interpretar moi ben.
É de supor que quen o colocou alí non é moi partidario das miñas opinións lingüísticas -porque hai casualidades nas que xa non creo a estas alturas da vida-. Ora ben, quen fora ou deixara de ser quero que saiba que -como ben recomenda Marcos- levo toda a vida vivindo o meu idioma en positivo e procurando que tamén así o vivan os meus; e nin el -ou ela-, nin ninguén me vai furtar xamais ese pracer.
www.ourensalia.blogspot.com
Comentarios:
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


