Verde oliva
22.05.06 @ 00:12:48. Archivado en Sobre el autor
Do que vou falar hoxe seguro que lle resultará familiar a todos cantos a estas horas (as de ler o artigo, non as de escribilo) estean mirando o xornal nalgunha casa cuartel da provincia, almorzando en calquera bar ou calquera cafetería, ou mesmo nas súas propias casas, pero co denominador común que lles dá a todos eles o verde oliva dos uniformes característicos que os identifica e que dalgún xeito -eu nunca me decatara diso- os mimetiza coa cor principal da terra onde se forman e por onde andei hoxe toda a tarde, denantes de me sentar a escribir estas liñas.
Leváronme os pés -é unha frase feita- desta volta a Úbeda e a Baeza, dúas fermosas localidades da Andalucía olivareira por excelencia -a de Jaén- e que dende hai tres anos forman parte da rede de cidades Patrimonio da Humanidade por un sinfín de razóns artísticas que teñen moito que ver co Renacemento e coa incidencia que a súa arquitectura civil e relixiosa tivo noutrora sobre algunha que outra cidade de América.
Leváronme primeiro a Úbeda, onde me enterei que unha filla dos Condes de Ribadavia emparentou cos Medinaceli e por iso está alí chantado en varios lugares prominentes o escudo familiar dos amos medievais do Ribeiro.
Tamén me informaron alí de algo que seguro que saben os gardas civís de España enteira e que logo tiven o lecer de comprobar, xa co diccionario nas mans, a súa certeza: Tamén en Úbeda teñen idioma de seu, que segundo o seu “recolledor”, vai máis alá dunha mera xerga. Dinlle o ubedí e nin é andaluz, nin caló nin cousa que se lle pareza e ten palabras como “poblema” ou “polígano” que tamén se escoitan por onda nós, pero isto dígoo sen que se me mal entenda, non vaia ser que sexa tomado coma unha reivindicación lingüística, e vaiamos levantar outra polémica “intercomunitaria” ou “interrealidadesnacionalitarias” ou como demos se lle chame agora a estas tretas.
Logo, os pés leváronme a Baeza e alí tiven ocasión de escoitar con inusitada frecuencia falares coma os meus procurando aceite e outros “souvenirs” para as súas familias. Eran pais, nais, irmáns, mozos ou mozas de novos gardas civís ós que hoxe mesmo lles entregan os seus diplomas e dentro de catro días -segundo nos dixeron algúns- se incorporan ós seus primeiros detinos, logo de xurar o “Todo por la patria” que reza nas casas cuarteis.
Véndoos pasear por alí, coa sua sana xuventude ateigada de ilusións por unha vida que comezan, sabendo que unha boa porcentaxe dos tres ou catro mil que seica estudan alí son galegos, foron moitas as imaxes que se me pasaron pola cabeza. Imaxes negativas dunha época tricorniada que por sorte case non vivín e imaxes doutra que teñen que ver con estas dúas décadas e pico de democracia e o balance do que representan -non podo mintir- foi positivo.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


