Un ruxe-ruxe
13.05.06 @ 01:11:35. Archivado en Sobre el autor
Nacín nunha familia galego-parlante. Crecín, polo tanto, falando galego. Ós 14 anos marchei estudiar a Gijón e alí, aprendendo a valorar o propio na distancia, descubrín os primeiros versos de Rosalía na voz de Amancio Prada.
Namoreime dos textos de Curros e Celso Emilio na miña Celanova natal. Lin a Castelao e sentín -e sinto- verdadeira devoción pola lúcida visión que mantén sobre Galicia nunha “Hespaña” aberta a unha Iberia forte e cohexionada.
Teño dúas fillas ás que criei no meu idioma -o seu idioma- matriarcal e ás que creo terlle transmitido o mesmo amor por esta terra que soubo salvar o mar nas treboadas.
Escribín a biografía de Pepe Velo, o ideólogo do Santa María, probablemente un dos meirandes defensores do Iberismo que teña parido a historia de Galicia e Pepe Velo ensinoume a amar, máis profundamente se cabe, a esta terra. E, coma Castelao, a crer firmemente nunha “Hespaña” enmarcada nunha Iberia plural, diversa e solidaria.
En fin, creo que non son “sospeitoso” de formar parte de ningún contubernio “madrileñista”, e -sen que isto supoña unha crítica a outros camiños vitais- síntome orgulloso de ter bogado en coherencia coa miña forma de pensar.
Sen embargo, dun tempo a esta parte, todo me fai estar alerta e a miúdo me vexo defendendo discursos que xamais crin que tería que defender e reivindicando valores e conceptos que xamais pensei que tería que reivindicar.
Evidentemente o que está empezando a pasar en Galicia dista moito do que ten pasado en Cataluña. Pero, os ventos do leste xa andan a soprar e as polas dos piñeiros empezan a abanear nas ladeiras do Padornelo e da Canda...
Certamente non sei moi ben o que é, pero máis ou menos nesta mesma liña veño escoitando comentarios dalgúns compañeiros de travesía pouco sospeitosos, coma min, de ter vivido nun estado mental de hipocresía. Certamente, non sei o que é, pero zoa un ruxe-ruxe por aí que ata agora só escoitamos algúns, pero nalgún intre escoitará todo Galicia.
Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Antonio Piñeiro
autor
Contacto


