23.10.08 @ 21:06:00. Archivado en Políticos
Foi chegar o outono e comezar de novo a intensa vida política desta cidade, que non descansa nunca, polo menos se falamos de polémicas e discusións varias. Problemas coa auga do grifo, coa viaxe ós EEUU, a lingua, a memoria histórica e unha morea asuntos máis que demostran a vida desta cidade, cuia poboación leva toda decisión política aos máis altos niveis de crítica e discusión, forzando en moitas ocasións ós seus gobernantes a rectificar nas súas posicións.
O que está claro na Coruña, e por iso os coruñeses deberían sentirse orgullosos, é que o goberno municipal de turno intenta moitas veces esconder algunhas decisións, ideas ou proxectos de dubidosa legalidade, moral ou ética, porque saben que se saen á luz, os veciños non se calarán, iso si, a favor ou en contra, pero non se calarán.
Exemplos temos dabondo nas últimas semanas e meses. O asunto "Penamoa" foi, e segue, dando tumbos por mor da constante vixilancia veciñal que non acepta solucións improvisadas ou chapuceiras a este problema creado e permitido polos gobernos muncipais e autonómicos dende hai moitos anos.
A viaxe á cidade da Estatua da Liberdade causou gran marexada na cidade polo espectacular gasto que conlevou, os viaxes en primeira clase e aloxamento en hoteis de luxo non gustou nada ós veciños, aínda que políticamente a discusión acabou moi pronto, xa que a oposición introduciu a discusión sobre o topónimo coruñés para desviar a atención e non verse salpicada, cousa que non conseguiu, xa que o asunto aínda colea entre as xentes desta terra.
O problema da auga continua, aquí no barrio moitos non notamos nada, aínda que algúns dixeron que non saía ben como antes. Polo que sae na prensa, podemos dicir que a auga sae en moitos lugares turbia e con mal cheiro, pero os políticos actúan á súa maneira desesperando á poboación. O alcalde defendendo a calidade da auga en lugar de exixir averiguar de inmediato o que sucede, o tenente de alcalde primeiro dicindo o mesmo, e despois contradicindo ó alcalde porque as protestas cidadás fan que o seu partido na comarca ataque ó Concello.
O director de Emalcsa faise unhas fotos en La Voz de Galicia probando a auga de diferentes barrios, unha "pose" ó máis puro estilo dos políticos, que pareza que fai algo, e para rematar, a oposición coruñesa lia máis o asunto meténdolle medo ós coruñeses sobre o mal que está a auga. Os que teñen que solucionar o tema son os técnicos de Emalcsa e Augas de Galicia, coas análisis que extraian nas zonas afectadas e despois dicir o que pasa realmente coa auga, aos políticos nin caso, eles siguen co seu "xogo político" para intentar facerlle dano ó outro e gañar, ou perder o menor número posible de votos.