A rendibilidade do cemiterio
20.07.09 @ 19:33:28. Archivado en Política, Xornal de Galicia
Publicado en Xornal de Galicia el domingo 19 de julio de 2009
Segundo os vellos o mellor morto é o que non molesta. O achegamento á morte ten unha forza case que estrutural, como a desconfianza ou a arte de bicar mal a primeira vez. Así, unha das liortas senlleiras que lembro tiña como asunto a herdanza dun nicho colocado na solaina do cemiterio parroquial, cousa importante xa que non é o mesmo pasar á eternidade aproveitando as raxeiras que metido nun burato na última esquina do camposanto.
Un máis ou menos escolle onde vivir, vai escolmando entre cidades, pobos e lugares ata que chega a un obrigado equilibrio . Non é unha cuestión sinxela pero si tan importante
como con quen vivir ou de que vivir. Diferente é o de como e cando morrer, aí si estamos diante de sortes incontrolables. Porén dentro dese misterio podemos decidir que facermos despois de chegado o momento: tentar un último empadroamento e atopar un bo retiro, destacaría, por exemplo , o cemiterio de Noia, un de Mugardos e o de Lefkes na illa grega de Paros. Aquí cada un co seu.
Aínda non está moi claro se a morte de Michael Jackson foi suicidio, homicidio ou desgraza pero si teñen decidido o lugar de enterramento, Forest Laws en Hollywood . Os cemiterios americanos teñen algo de campo de golf, de céspede celestial e gusto polo paseo. Asemade saben aproveitar ese marabilloso sentimento universal no que todos nós unha vez falecidos somos mellores e os nosos actos auténticos, alonxados dos vicios que poucas horas antes os embazaban e rebaixaban.
Parece que o pai do cantante e bailarín tamén ten a intención de facer un grupo de música ao estilo Jackson Five cos seus netos, voltar aos escenarios e aproveitar supoño a rendibilidade da morte do seu fillo. Repetir a historia corrixindo erros e mellorando deficiencias. Ou non. Quen sabe. Pero tampouco nos debemos sorprender nin atacar o cerne ianqui, non hai que ir demasiado lonxe para atopar actitudes semellantes precisamente neses que din respectar o corpo quente e ao tempo están a facer as contas agochados e sumando na libreta da cociña.

Comentarios:
Aún no hay Comentarios para este post...
Se muestran únicamente los últimos 40 comentarios de cada post.
Los comentarios para este post están cerrados.
Borja Verea
autor
Contacto


